O Breogán 2014/15 comeza a andar

Rematado o exercicio económico 2013/14 o 30 de Xuño, logo de 15 días sen case novidades, parece que van chegando as primeiras novas logo do Consello de Administración celebrado onte polos rectores breoganistas.

Segundo se puido saber, a tempada rematarase cun pequeno superávit de case 40.000 euros. Sen dúbida unha boa nova para as “tocadas” arcas celestes. Cabe destacar ao respecto que esta ganancia económica foi posible en gran medida ao patrocinio de última hora de Ribeira Sacra, un montante económico de aproximadamente o dobre do inicialmente presupostado para patrocinio principal.

De cara á vindeira tempada estableceuse un orzamento de mínimos para o correcto funcionamento da S.A.D., en torno aos 900.000 euros, unha cifra lixeiramente inferior a da tempada pasada. Tendo en conta que o clube conta con dous traballadores menos, pódese dicir que o orzamento será practicamente igual.

Sen dúbida, esta cifra marcará o que será a confección do novo plantel breoganista. Posiblemente a cifra destinada á parcela deportiva non exceda dos 500.000 euros (técnicos incluidos). Un ano máis haberá que axustar ao máximo as contratacións de xogadores para conseguir un plantel capaz de loitar entre os cinco mellores da categoría. Sen dúbida, a cara estrutura non deportiva da S.A.D. segue a marcar o futuro inminente da entidade. Quizais un esforzo orzamentario de non máis de 100.000 euros desen para loitar de forma clara polo ascenso á liga ACB.

Unha vez coñecida a cifra orzamentaria, podemos facernos unha idea de que posición económica teremos no mercado. Tres entidades parten con superioridade clara respecto a nós: Tizona S.A.D., Palencia Baloncesto e Melilla. Haberá que coñecer que proxecto pretende facer o descendido Valladolid do que ninguén sabe nada, pero que de competir finalmente en Ouro, posiblemente saia neste grupo de cabeza.

Ao noso nivel económico, a priori, situarase a terceira S.A.D. da competición, Club Ourense Baloncesto, e pode que chegue con forza un Huesca que ten previsto atopar sponsor. Outros proxectos como Coruña, Clavijo ou Oviedo poderían non situarse moi lonxe dos anteriores.

Polo tanto, un ano máis, tocará afinar moito á hora de fichar, esperar que as lesións por fin nos respeten e confiar no bo facer de Lisardo Gómez e compañía, para lograr facer un bloque de garantías que a nivel deportivo nos permita loitar entre os favoritos pola primeira praza ou pola mellor posición posible de cara os playoffs finais. Un bloque que se presume que volverá a ser curto en canto a número de efectivos se refire.

Nos próximos días, confirmaranse as primeiras e pode que únicas renovacións do conxunto celeste. Logo do hoxe renovado Adrián Chapela, Álex López parece próximo a chegar a un acordo co clube. Outro xogador exterior podería estar preto de incorporarse. Haberá que ver como evoluciona o mercado para saber se podemos reter algún xogador máis do curso pasado. Dende logo, non parece fácil, se ben tampouco está descartado.

Chegado a un acordo de indemnización cunha ex traballadora, queda por saber que pasará coas débedas pendentes da S.A.D. coa Xunta de Galicia e con Raúl López, a deste último por un montante duns 120.000 euros. Según parece, o convenio de publicidade coa súa empresa remataba este 30 de Xuño. Non transcendeu se existe a posibilidade de amplialo para compensar a débeda restante ou se pola contra finalizaron os anos de publicidade establecidos trala súa marcha e hai que aboar o restante en efectivo. De ser así, descoñécese como e cando se fará fronte a eles xa que non parece que, salvo ingresos de última hora, se lle poida facer fronte no vindeiro curso co orzamento establecido.

Tampouco se coñece de forma oficial se Ribeira Sacra segue a ser o patrocinador principal unha tempada máis. Todo parece indicar que si, se ben tamén se estaría traballando en atopar algún pequeno copatrocinador de garantías.

Onte día 1 de Xullo comezou a 49ª tempada de Breogán. Unha tempada que estará marcada polo cambio na dirección da Sociedade. Un curso que confiamos poida ser “o ano” da entidade celeste. Entre todos hai que conseguilo.

Advertisements

Futuro, futuro e máis futuro

Rematou a tempada deportiva para o Breogán 2013/2014 con sabor agridoce logo da abultada derrota en semifinais cun Burgos superior en efectivos contra o que un Breogán mermado polas lesións e o cansanzo físico acumulado por un plantel de guerreiros pero curto de efectivos non puido facer máis. Sen dúbida o balance xeral da tempada dos homes de Lisardo Gómez é de notable alto.

Se ben no económico a tempada se pecha aínda o día 30 de Xuño, xa podemos avanzar algúns detalles. A pesar dos retrasos nos pagos a traballadores e xogadores e de ser presentadas xa as primeiras denuncias ante a FEB, non parece perigar o aval depositado no organismo federativo. Só se trata dun retraso burocrático na recepción das subvencións do Concello de Lugo e da Deputación, que chegarán a tempo coma nos últimos anos para que os xogadores poidan cobrar en prazo e non se execute o dito aval e se faga en tempo a inscrición do club na LEB 2014/2015. Todo apunta a que se pechará o ano cun lixeiro déficit orzamentario froito da indemnización a unha ex traballadora, coa que non se contaba ao inicio do curso. Se ben é certo que é un tema que parece estar controlado e que non xerará maiores problemas. Cabe recordar que durante este exercicio tamén se saldou parte da débeda co ex presidente Raúl López, e que en teoría, a 30 de Xuño finalizaría o convenio asinado co mesmo para lucir publicidade das súas empresas no Pazo e nas equipacións deportivas. Outro tema a revisar a partir desa data será o convenio asinado co Clube de Baloncesto Estudiantes de Lugo. Sen dúbida, un tema que preocupa moito a afección. Convenio si, pero que o Breogán non saia en ningún momento perxudicado e non se vexa condeado a ningún tipo de imposición. Cabe recordar que sen Breogán moi probablemente non habería un Estudiantes como o de hoxe en día, pero sen Estudiantes seguería habendo Breogán. Fórmula igualmente aplicable a calquera outro equipo de Baloncesto da cidade ou da provincia, porque sen dúbida, o clube celeste é o motor do baloncesto de Lugo e o que debería de servir de referente ao resto de equipos da provincia, sempre sen menospreciar a ninguén, por suposto.

Polo tanto, parece que no medio dun proceso de cambio de titularidade nas accións do clube e nunha etapa de transición, non perigará a inscripción do club de cara a tempada 2014/15. Isto aporta certa tranquilidade para comezar a traballar de cara ao futuro máis próximo. Presuponse que seguirá Ribeira Sacra como sponsor principal e haberá unha nova reducción orzamentaria que non poderá ser moi elevada froito da gran estrutura que o Breogán segue a ter tras non saír adiante o ERE plantexado no seu día, e que de ser moi forte afectaría sen dúbida a calidade do plantel e a viabilidade próxima dunha S.A.D. que xa está tocando fondo en canto a orzamento mínimo a ter se refire. Breogán é ao mesmo tempo unha S.A.D. das máis saneadas do panorama nacional, con menos de 300.000 euros de débeda e cuxo seu único problema é de financiamento e gobernabilidade nunha LEB ruínosa.

Na parcela deportiva, a 2014/15 iniciarase cun Lisardo como máximo responsable deportivo. Os próximos pasos serán a renovación ao completo do corpo técnico nos próximos días. En principio, salvo sorpresa, a comisión deportiva estará formada polos propios técnicos Lisardo e Quique Fraga, Juan Carlos Castro como secretario técnico, e Alfonso Orol e Alberte Fernandez como representantes do Consello de Administración. Se ben se manifestou claramente que o máximo responsable da planificación deportiva será Lisardo cunha única limitación que será a orzamentaria.

Lisardo Gómez xa manifestou o seu interese en contar con varios dos xogadores da pasada tempada. Posiblemente se persiga manter a base nacional e intentar reter a xogadores importantes como Diouf ou Palsson. Se ningún lobo con pel de cordeiro o impide, conformaremos por fin un plantel máis longo que o dos últimos anos. Aínda así, non empezamos ben de todo cando alguén dende dentro xa suxeriu certas propostas de xogadores. Finalmente, segundo apunta o periodista lucense Paco Basanta, parecen descartados para o vindeiro curso tanto Bortolussi como Charles, e o lesionado Manu Gómez.

É tempo de remar todos na mesma dirección. Tanto afección, Consello, ex directivos, traballadores, prensa, institucións e resto de clubes da cidade han de colaborar por manter vivo un proxecto que é de todos, dunha provincia, e que é unha alternativa de ocio para máis de 3.000 persoas cada 15 días nunha pequena cidade como é Lugo. Un proxecto que está próximo a cumprir os 50 anos de existencia.

É habital ver a pseudoadestradores de outros clubes lucenses apoiar ao equipo capitalino de baloncesto mentres que para o Breogán non teñen palabras de apoio, ou o que é peor, téñenas nas redes sociais pero despois son “pillados” poñendo trabas ou “cizañeando” en contra do Breogán e do seu entorno na barra dun bar. Lugo é moi pequeno e todo se sabe. Este tipo de condutas son as que se deben de evitar. Debemos de buscar a unión polo ben do Breogán e do deporte lucense.
Do mesmo xeito, é inconcebible que non todos os traballadores do clube remen na mesma dirección. Hai traballadores moi cualificados dentro do organigrama do Breogán e necesitamos da súa colaboración máxima para saír adiante e sobrevivir. Bastantes trabas veñen xa dende o exterior.

Confianza cega en Lisardo de cara ao ano próximo. Estou seguro de que se lle deixan traballar teremos un plantel de máximas garantías capaz de loitar entre os cinco primeiros da táboa. Dunha táboa que se presume ascenderá este ano a 16 equipos facendo máis atractiva a Adecco LEB Ouro.

Disfrutemos do baloncesto un ano máis, xa que parece garantida a viabilidade da entidade durante o 2014/15, pero non nos relaxemos demasiado, posto que a partir desta tempada plantéxanselle a un servidor moitas dúbidas de futuro. Quizais un ascenso a ACB salvaría unha situación que parece negra máis alá dun ano vista. As palabras do conselleiro Alberte Fernández Fraga en Radio Lugo parecen transmitir tranquilidade de cara ao futuro da entidade. Se ben mentres non se demostre o contrario, por desgraza, só vexo clara a viabilidade a un ano vista. E non é unha crítica ao conselleiro, o cal xunto con Alfonso Orol me transmitiron, tanto en persoa coma nos medios de comunicación, boas vibracións, son breoganistas e parecen esforzarse ao máximo polo ben do club; máis ben é unha crítica a incertidume que existe en canto ao futuro reparto acionarial da S.A.D. e a o seu financiamento a medio e largo prazo.

Polo que poida pasar, disfrutemos deste novo ano de baloncesto e loitemos porque non sexa o último. Todos xuntos: BREOGÁN.

Algúns datos estatísticos da LEB ORO

Entramos na recta final da liga regular da LEB ORO polo que é un bo momento para revisar algúns datos estatísticos. Coma noutras ocasións imos tentar amosar datos pouco comúns e alternativos aos clásicos datos dos “box scores” que se usan frecuentemente.

stats

Seguir lendo

Entradas Copa Galicia 2013 – Marea Celeste

O Obradoiro CAB púxose en contacto co club para facilitar a compra de entradas e abonos, polo que vos pregamos máxima difusión a todos os que poidades estar interesados na súa adquisición.

fede galega basket

O tope para comunicar o número de entradas ou abonos que queremos é hoxe as 20.30 horas. (EDITAMOS PARA DICIR QUE SE AMPLÍA ATA AS 10.00 DE MAÑÁN) Todos os que reservemos teriamos asento en Tribuna 1 Sur, e poderiamos adquirir entradas soltas a un prezo de 10 € ou o abono para toda a Copa por 15 €. É importante confirmalo canto antes. Os interesados podedes poñervos en contacto con Embreogados no evento de Facebook Copa Galicia 2013 ou ben dirixíndovos a nós. É importante que esteades seguros porque unha vez as reservemos teremos que abonar as entradas.

Que todo o que poida se achegue a Santiago, como din Embreogados, a demostrar que o Breo nunca camiñará solo e que isto está moi vivo. #BreoganismoEnLoita #OBreoSomosNós

Matricúlate no curso baloncestístico 2013/2014 co Breo!

Esta noite non publicamos unha nova, nin entrevista nin enquisa. Queremos facer un chamamento a todo o breoganismo, o que está esperto, en loita, e tamén a ese breoganismo latente.

 

ABONATE

Seguir lendo