Fin da liga regular: chega o tempo da maxia

Rematou a tempada regular na LEB Ouro na que foi unha das edicións máis igualadas dos últimos anos.

Ata 4 equipos se consolidaron na segunda volta do campionato como aspirantes ao título: Ford Burgos, Ribeira Sacra Breogán, Mywigo Valladolid e Club Ourense Baloncesto. Finalmente, na penúltima xornada a lóxica cumpriuse e un intratable Ford Burgos alzouse co título de campión da Liga LEB 2014-15 tras non ser capaces os seus rivais directos de aguantar o ritmo do imparable conxunto castelán, o cal colleitou unha xeira de 14 vitorias seguidas; nin unha soa derrota en toda a segunda volta.

Montaxe: Guillermo González. Fotos de @patmas16 e Breogán

Montaxe: Guillermo González. Fotos de @patmas16 e Breogán

Seguir lendo

Advertisements

Previa Lugo é Basket

lugo é basket

Chega a Lugo o primeiro torneo “Lugo é Basket”, organizado pola asociación Xuvenil Sagrado Corazón de Lugo e que contará hoxe e mañá cun cartel de luxo no Pazo Universitario. Enfrontaranse en formato cuadrangular o Clube Ourense Baloncesto, o Leyma Coruña, o C.B. Valladolid e o Ribeira Sacra Breogán. As semifinais comezarán hoxe cun atractivo Leyma-Valladolid ao que seguirá o derbi galego por excelencia, COB-Breogán. Terceiro e cuarto posto e final serán celebradas o domingo pola tarde.
Superado o ecuador das pretempadas para os conxuntos da LEB Ouro, será unha boa ocasión para comprobar o estado de forma de catro planteis que loitarán ao longo do inverno pola zona media-alta da categoría.

Seguir lendo

O Breogán 2014/15 comeza a andar

Rematado o exercicio económico 2013/14 o 30 de Xuño, logo de 15 días sen case novidades, parece que van chegando as primeiras novas logo do Consello de Administración celebrado onte polos rectores breoganistas.

Segundo se puido saber, a tempada rematarase cun pequeno superávit de case 40.000 euros. Sen dúbida unha boa nova para as “tocadas” arcas celestes. Cabe destacar ao respecto que esta ganancia económica foi posible en gran medida ao patrocinio de última hora de Ribeira Sacra, un montante económico de aproximadamente o dobre do inicialmente presupostado para patrocinio principal.

De cara á vindeira tempada estableceuse un orzamento de mínimos para o correcto funcionamento da S.A.D., en torno aos 900.000 euros, unha cifra lixeiramente inferior a da tempada pasada. Tendo en conta que o clube conta con dous traballadores menos, pódese dicir que o orzamento será practicamente igual.

Sen dúbida, esta cifra marcará o que será a confección do novo plantel breoganista. Posiblemente a cifra destinada á parcela deportiva non exceda dos 500.000 euros (técnicos incluidos). Un ano máis haberá que axustar ao máximo as contratacións de xogadores para conseguir un plantel capaz de loitar entre os cinco mellores da categoría. Sen dúbida, a cara estrutura non deportiva da S.A.D. segue a marcar o futuro inminente da entidade. Quizais un esforzo orzamentario de non máis de 100.000 euros desen para loitar de forma clara polo ascenso á liga ACB.

Unha vez coñecida a cifra orzamentaria, podemos facernos unha idea de que posición económica teremos no mercado. Tres entidades parten con superioridade clara respecto a nós: Tizona S.A.D., Palencia Baloncesto e Melilla. Haberá que coñecer que proxecto pretende facer o descendido Valladolid do que ninguén sabe nada, pero que de competir finalmente en Ouro, posiblemente saia neste grupo de cabeza.

Ao noso nivel económico, a priori, situarase a terceira S.A.D. da competición, Club Ourense Baloncesto, e pode que chegue con forza un Huesca que ten previsto atopar sponsor. Outros proxectos como Coruña, Clavijo ou Oviedo poderían non situarse moi lonxe dos anteriores.

Polo tanto, un ano máis, tocará afinar moito á hora de fichar, esperar que as lesións por fin nos respeten e confiar no bo facer de Lisardo Gómez e compañía, para lograr facer un bloque de garantías que a nivel deportivo nos permita loitar entre os favoritos pola primeira praza ou pola mellor posición posible de cara os playoffs finais. Un bloque que se presume que volverá a ser curto en canto a número de efectivos se refire.

Nos próximos días, confirmaranse as primeiras e pode que únicas renovacións do conxunto celeste. Logo do hoxe renovado Adrián Chapela, Álex López parece próximo a chegar a un acordo co clube. Outro xogador exterior podería estar preto de incorporarse. Haberá que ver como evoluciona o mercado para saber se podemos reter algún xogador máis do curso pasado. Dende logo, non parece fácil, se ben tampouco está descartado.

Chegado a un acordo de indemnización cunha ex traballadora, queda por saber que pasará coas débedas pendentes da S.A.D. coa Xunta de Galicia e con Raúl López, a deste último por un montante duns 120.000 euros. Según parece, o convenio de publicidade coa súa empresa remataba este 30 de Xuño. Non transcendeu se existe a posibilidade de amplialo para compensar a débeda restante ou se pola contra finalizaron os anos de publicidade establecidos trala súa marcha e hai que aboar o restante en efectivo. De ser así, descoñécese como e cando se fará fronte a eles xa que non parece que, salvo ingresos de última hora, se lle poida facer fronte no vindeiro curso co orzamento establecido.

Tampouco se coñece de forma oficial se Ribeira Sacra segue a ser o patrocinador principal unha tempada máis. Todo parece indicar que si, se ben tamén se estaría traballando en atopar algún pequeno copatrocinador de garantías.

Onte día 1 de Xullo comezou a 49ª tempada de Breogán. Unha tempada que estará marcada polo cambio na dirección da Sociedade. Un curso que confiamos poida ser “o ano” da entidade celeste. Entre todos hai que conseguilo.

Futuro, futuro e máis futuro

Rematou a tempada deportiva para o Breogán 2013/2014 con sabor agridoce logo da abultada derrota en semifinais cun Burgos superior en efectivos contra o que un Breogán mermado polas lesións e o cansanzo físico acumulado por un plantel de guerreiros pero curto de efectivos non puido facer máis. Sen dúbida o balance xeral da tempada dos homes de Lisardo Gómez é de notable alto.

Se ben no económico a tempada se pecha aínda o día 30 de Xuño, xa podemos avanzar algúns detalles. A pesar dos retrasos nos pagos a traballadores e xogadores e de ser presentadas xa as primeiras denuncias ante a FEB, non parece perigar o aval depositado no organismo federativo. Só se trata dun retraso burocrático na recepción das subvencións do Concello de Lugo e da Deputación, que chegarán a tempo coma nos últimos anos para que os xogadores poidan cobrar en prazo e non se execute o dito aval e se faga en tempo a inscrición do club na LEB 2014/2015. Todo apunta a que se pechará o ano cun lixeiro déficit orzamentario froito da indemnización a unha ex traballadora, coa que non se contaba ao inicio do curso. Se ben é certo que é un tema que parece estar controlado e que non xerará maiores problemas. Cabe recordar que durante este exercicio tamén se saldou parte da débeda co ex presidente Raúl López, e que en teoría, a 30 de Xuño finalizaría o convenio asinado co mesmo para lucir publicidade das súas empresas no Pazo e nas equipacións deportivas. Outro tema a revisar a partir desa data será o convenio asinado co Clube de Baloncesto Estudiantes de Lugo. Sen dúbida, un tema que preocupa moito a afección. Convenio si, pero que o Breogán non saia en ningún momento perxudicado e non se vexa condeado a ningún tipo de imposición. Cabe recordar que sen Breogán moi probablemente non habería un Estudiantes como o de hoxe en día, pero sen Estudiantes seguería habendo Breogán. Fórmula igualmente aplicable a calquera outro equipo de Baloncesto da cidade ou da provincia, porque sen dúbida, o clube celeste é o motor do baloncesto de Lugo e o que debería de servir de referente ao resto de equipos da provincia, sempre sen menospreciar a ninguén, por suposto.

Polo tanto, parece que no medio dun proceso de cambio de titularidade nas accións do clube e nunha etapa de transición, non perigará a inscripción do club de cara a tempada 2014/15. Isto aporta certa tranquilidade para comezar a traballar de cara ao futuro máis próximo. Presuponse que seguirá Ribeira Sacra como sponsor principal e haberá unha nova reducción orzamentaria que non poderá ser moi elevada froito da gran estrutura que o Breogán segue a ter tras non saír adiante o ERE plantexado no seu día, e que de ser moi forte afectaría sen dúbida a calidade do plantel e a viabilidade próxima dunha S.A.D. que xa está tocando fondo en canto a orzamento mínimo a ter se refire. Breogán é ao mesmo tempo unha S.A.D. das máis saneadas do panorama nacional, con menos de 300.000 euros de débeda e cuxo seu único problema é de financiamento e gobernabilidade nunha LEB ruínosa.

Na parcela deportiva, a 2014/15 iniciarase cun Lisardo como máximo responsable deportivo. Os próximos pasos serán a renovación ao completo do corpo técnico nos próximos días. En principio, salvo sorpresa, a comisión deportiva estará formada polos propios técnicos Lisardo e Quique Fraga, Juan Carlos Castro como secretario técnico, e Alfonso Orol e Alberte Fernandez como representantes do Consello de Administración. Se ben se manifestou claramente que o máximo responsable da planificación deportiva será Lisardo cunha única limitación que será a orzamentaria.

Lisardo Gómez xa manifestou o seu interese en contar con varios dos xogadores da pasada tempada. Posiblemente se persiga manter a base nacional e intentar reter a xogadores importantes como Diouf ou Palsson. Se ningún lobo con pel de cordeiro o impide, conformaremos por fin un plantel máis longo que o dos últimos anos. Aínda así, non empezamos ben de todo cando alguén dende dentro xa suxeriu certas propostas de xogadores. Finalmente, segundo apunta o periodista lucense Paco Basanta, parecen descartados para o vindeiro curso tanto Bortolussi como Charles, e o lesionado Manu Gómez.

É tempo de remar todos na mesma dirección. Tanto afección, Consello, ex directivos, traballadores, prensa, institucións e resto de clubes da cidade han de colaborar por manter vivo un proxecto que é de todos, dunha provincia, e que é unha alternativa de ocio para máis de 3.000 persoas cada 15 días nunha pequena cidade como é Lugo. Un proxecto que está próximo a cumprir os 50 anos de existencia.

É habital ver a pseudoadestradores de outros clubes lucenses apoiar ao equipo capitalino de baloncesto mentres que para o Breogán non teñen palabras de apoio, ou o que é peor, téñenas nas redes sociais pero despois son “pillados” poñendo trabas ou “cizañeando” en contra do Breogán e do seu entorno na barra dun bar. Lugo é moi pequeno e todo se sabe. Este tipo de condutas son as que se deben de evitar. Debemos de buscar a unión polo ben do Breogán e do deporte lucense.
Do mesmo xeito, é inconcebible que non todos os traballadores do clube remen na mesma dirección. Hai traballadores moi cualificados dentro do organigrama do Breogán e necesitamos da súa colaboración máxima para saír adiante e sobrevivir. Bastantes trabas veñen xa dende o exterior.

Confianza cega en Lisardo de cara ao ano próximo. Estou seguro de que se lle deixan traballar teremos un plantel de máximas garantías capaz de loitar entre os cinco primeiros da táboa. Dunha táboa que se presume ascenderá este ano a 16 equipos facendo máis atractiva a Adecco LEB Ouro.

Disfrutemos do baloncesto un ano máis, xa que parece garantida a viabilidade da entidade durante o 2014/15, pero non nos relaxemos demasiado, posto que a partir desta tempada plantéxanselle a un servidor moitas dúbidas de futuro. Quizais un ascenso a ACB salvaría unha situación que parece negra máis alá dun ano vista. As palabras do conselleiro Alberte Fernández Fraga en Radio Lugo parecen transmitir tranquilidade de cara ao futuro da entidade. Se ben mentres non se demostre o contrario, por desgraza, só vexo clara a viabilidade a un ano vista. E non é unha crítica ao conselleiro, o cal xunto con Alfonso Orol me transmitiron, tanto en persoa coma nos medios de comunicación, boas vibracións, son breoganistas e parecen esforzarse ao máximo polo ben do club; máis ben é unha crítica a incertidume que existe en canto ao futuro reparto acionarial da S.A.D. e a o seu financiamento a medio e largo prazo.

Polo que poida pasar, disfrutemos deste novo ano de baloncesto e loitemos porque non sexa o último. Todos xuntos: BREOGÁN.

Análise ForÇa Lleida

C.B. Breogán vs ForÇa Lleida Club Esportiu (Pazo Universitario, sábado 19:15 horas).

Breogán: 4º (8-3), +2.

Lleida: 9º (4-7), +1.

Último partido como locais do ano para os homes de Lisardo Gómez, que se verán as caras no Universitario de Lugo co ForÇa Lleida na duodécima xornada da LEB Ouro.

O conxunto celeste, colíder logo de gañar a Melilla e Palencia nas dúas anteriores xornadas, atópase ante a posibilidade de loitar por un posto para a disputa da Copa Príncipe, sempre e cando consiga dúas vitorias nas dúas xornadas que restan ata o fin desta primeira volta.

Pero como a receita que funciona é a do día a día, non convén desviar a atención máis alá do seguinte partido, un encontro que se presume de extrema dificultade ante un equipo que foi capaz de competir a moi bo nivel contra os favoritos da categoría. Un conxunto moi xoven, que dirixe o veterán Joaquín Prado e quen virá a Lugo sen nada que perder e con moito que gañar.

Lleida desplega un xogo rápido e alegre, sendo o cuarto mellor ataque da competición. Pola contra, é o cuarto conxunto que máis puntos recibe, a pesar de ser un plantel moi perigoso nos roubos de balón.

O equipo de Prado está formado polos seguintes xogadores:

Bases:

Sergio Llorente: Moita xuventude no posto de base para o Lleida. Logo de dúas tempadas en Prata, chegaría a Lleida no verán Sergio Llorente. Disputa unha media de 23 minutos en pista para un total de 10,4 puntos e 3,4 asistencias cunha porcentaxe de triplas do 37%. Intenso xogador e bo director que progresa ano a ano. Sen dúbida un base a ter moi en conta a medio prazo.

José Simeón: Terceiro ano en Lleida para o que fora o ano pasado compañeiro de Dani Rodríguez neste mesmo equipo. Xogador con pasado ACB, do que se esperaba maior progresión anos atrás. De todas formas, é un xogador interesante e con marxe de mellora. Disputa 18 minutos para 3 puntos e 2,5 asistencias.

Aleiros:

Alejandro Llorca (MVP): Referente exterior do conxunto catalán. Escolta moi perigoso dende a liña de 6,75 e entrando a canastra. Intenso en defensa, vén de conseguir un ascenso frustrado á ACB da man de Lucentum Alicante. Promedia 12,3 puntos, 3,5 rebotes e 2,7 asistencias en case 26 minutos de media, cunha porcentaxe do 37% en triplas. 12,5 puntos de valoración. Xogador con futuro próximo en ACB.

Juan Pablo Sutina: Rotación exterior e pouco protagonismo para este xogador exterior. Segunda tempada no conxunto catalán. Disputa 11 minutos de media por partido para 3 puntos e 1,1 rebotes. Capacidade para lanzamento de 6,75.

Andreja Milutinovic: Primeiro ano en España para este xoven xogador serbio que está a amosar un decente rendemento no conxunto de Joaquín Prado. 2-3, con discretos porcentaxes de tiro polo momento, pero sempre perigoso, promedia 10,3 puntos e 3,4 rebotes en 22 minutos, para 10 de valoración.

Osvaldas Matulionis: Tamén primeira experiencia en territorio nacional para este aleiro lituano do 91. Internacional en categorías inferiores con Lituania, bo tirador. En 24 minutos, 9,5 puntos e 3,1 rebotes cun 37% en triplas.

Pívots:

Terrel Vinson: Ala-pivot estadounidense que tamén desfruta do seu primeiro ano en España. Moi móvil e con capacidade para xogar de cara ao aro. En 20 minutos, 9,8 puntos e 3,8 rebotes.

Samuel Dominguez: interior nacional que desenrolou toda a súa carreira profesional no Gran Canaria ou equipos vinculados. Con breve experiencia en ACB, este xoven xogador está a promediar uns discretos 3 puntos e 2,5 rebotes en 13 minutos en pista.

Alfonso Alzamora: O ex celeste é o xogador máis veterano do conxunto catalán. 8 anos en ACB e varios máis en LEB forman parte do historial deste xogador. Xogador moi interior, promedia 5,8 puntos e 4,8 rebotes en 23 minutos en pista para 8,4 de valoración. Aporta a dose necesaria de veteranía nun conxunto extremadamente xoven.

Víctor Arteaga: Da canteira do Madrid, este 5 está ante o ano da súa confirmación en Ouro logo de acadar uns bos números o ano pasado en Prata. Xogador con calidade, aporta en 20 minutos 8,8 puntos e 5,4 rebotes para 12,1 de valoración. Bo intimidador.

 

Rankings Individuais Liga en Top 10:

Asistencias: Llorente (6º)

Recuperacións: Llorca (3º)

Tapóns a favor: Arteaga (3º)

Tapóns en contra: Vinson (8º)

Mates: Arteaga (6º), Vinson (8º)

Faltas recibidas: Alzamora (5º)

Faltas cometidas: Vinson (2º)

 

Atención a:

O ForÇa Lleida é un conxunto moi xoven que virá sen nada que perder a Lugo. Capaz de plantarlle cara ós favoritos da liga, chegarán a Lugo moi motivados coa intención de gañar o primeiro partido  a domicilio da tempada.

Logo dunha semana na que se falou moito da posibilidade de disputar a Copa Príncipe, será clave saír centrados no partido dende o saque inicial e deixar de lado as confianzas ante o que a priori poda parecer un rival sinxelo.

José Simeón, pode ser baixa de última hora no conxunto de Joaquín Prado.

O partido do sábado, podría ser o da estrea nas camisolas celestes do que finalmente será o patrocinador principal para o que resta de tempada: Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade.