Cocinas.com vs Breogán (Palacio de Deportes da Rioxa, Venres 22, 21:00 horas – TELEDEPORTE)
Breogán: 2º (6-1), +4.
Cocinas.com: 12º (2-5), -3.
O Breogán, conxunto máis en forma do que vai de Leb Ouro con 4 vitorias seguidas, enfrontarase este venres en Logroño ao Clavijo Cocinas.com, o conxunto que acumula ata o momento a peor xeira de derrotas consecutivas, cun total de 3.
O que a priori podería parecer un partido fácil para o 2º clasificado da LEB Ouro, pódese converter nun partido trampa. O conxunto rioxano está formado por xogadores de moito talento individual; moitas caras novas que posiblemente estean a acusar unha falta de conxunción nestes inicios de campionato.
O Cocinas.com presenta ata o momento unha clara vocación ofensiva e o plantel máis longo dos 14 participantes na LEB Ouro, factor que pode ser clave á hora de enfrontarse ó curto conxunto celeste. Sen dúbida, unha proba máis para a rocosa defensa lucense.
O conxunto que dirixe Jesús Sala está formado por:
Bases:
Mikel Uriz: O ex – estudantil é un dos bases “top” da categoría. Desenrola o rol de base principal no conxunto rioxano acumulando un total de 23 minutos en pista. Logo dun inicio de liga un tanto irregular parece que volve a ser o xogador que foi o ano pasado. Base moi completo, é capaz de dirixir e anotar con solvencia. 7,7 puntos e 3,1 asistencias son os seus números.
Borja Arévalo: Repite o canteirán rioxano como parella de Mikel Uriz no posto de “1”. Xogador alto para a súa posición, promedia 18 minutos en pista e reparte un total de 3,7 asistencias por partido. Xoven xogador que medra ano a ano na categoría.
Álvaro Lobo: Xogador formado no Estudiantes de Madrid, procede da liga EBA. Pouco protagonismo cun total de 7 minutos por partido en pista.
Aleiros:
Álex Hall: Xoven escolta estadounidense que goza na Rioxa da súa primeira experiencia no baloncesto profesional. Chega cedido polo Fuenlabrada da Liga Endesa, o cal se faría cos seus servizos mediado o verán. Escolta tremendamente anotador. Perigoso dende a liña de 6,75. Promedia 11 puntos cun 37% en triplas nos 26 minutos que está en pista por partido.
Alfredo Ott: gran coñecedor das categorías FEB, este escolta estadounidense chegou á Rioxa procedente do Palencia da Leb Ouro. Moi perigoso dende a liña de 3, promedia 7,7 puntos cun 50% en triplas nos case 20 minutos que xoga por partido.
Alberto Ruíz de Galarreta: Un dos xogadores máis veteráns do equipo. Este rioxano, que militara cedido no 2003 no C.B. Sarria, por aquel entón vinculado do Breogán, é un dos referentes do Cocinas.com. Xogador moi perigoso en racha, promedia 10,7 puntos en 23 minutos, cunha porcentaxe en tiros de 3 do 38%.
Joan Tomás: Cuarto aleiro en minutos no conxunto rioxano. Repite como parella de Galarreta no posto de “3”. Interesante xogador de equipo que completa unha solvente rotación exterior.
Pívots:
C. Nwogbo: Xogador moi físico, potente e intenso que gustou no verán a un sector do club celeste. Xogador explosivo, está a gozar dunha rapidísima adaptación á categoría, promediando 12,1 puntos e 4,3 rebotes por partido. Máximo anotador e segundo xogador máis valorado do equipo con 12,9 puntos.
Daniel Martí: Xogador de rotación. En 10 minutos en pista, este ala-pivot anota uns 4 puntos de media por partido.
José Coego (MVP): Clásico xogador da Leb Ouro. Este interior nacional foi gañando protagonismo nos seus diferentes equipos co paso dos anos. Na actualidade, mostrase como un xogador moi rocoso e forte. Promedia 9,4 puntos e 7 rebotes para 13 de valoración nos 25 minutos que está en pista.
Ante Gospic: Xogador croata que disfruta do seu primeiro ano en España. Moi físico, en 15 minutos en pista aporta 5 puntos e 3 rebotes.
Dimitrov Marshavelski: Moi pouco protagonismo ata o de agora para este rookie. 6 minutos e 2 puntos de media.
Rankings Individuais Liga en Top 10:
Rebotes: Coego (7º)
Asistencias: Borja Arévalo (3º), Mikel Uriz (9º)
Balóns recuperados: Ott (10º)
Balóns perdidos: Hall (7º), Nwogbo (9º)
Mates: Nwogbo (3º)
Faltas Recibidas: Nwogbo (4º)
Atención a:
Defensas opostas: Veranse as caras na Rioxa a mellor e a peor defensa da liga.
Bases: Dani Rodríguez e Mikel Uriz. Dous dos mellores “1” da liga cara a cara.
Equipo longo: Plantel longo o do Cocinas.com sometido a constantes rotacións que pode desgastar ao curto plantel breoganista.
Talento exterior: amplo xogo exterior e de moito talento individual. Moi perigosos dende a liña de 6,75. Xogadores con gran vocación ofensiva.
Necesidade de victoria: o Cocinas.com precisa dunha vitoria de forma urxente. Afrontarán o partido como unha verdadeira final.