Lisardo Gómez, un dos nosos

Ven de rematar unha tempada movida no Breogán. Semella que nos últimos tempos estamos condenados a non ter un ano tranquilo. Mediado o curso, Lisardo, home de club fíxose cargo do primeiro equipo trala destitución de Pepe.

Para isto, achegámonos ao Pazo a falar con Lisardo. Fomos recibidos atentamente por o persoal do club e pasamos ao despacho do noso adestrador (onde como poderedes imaxinar hai cantidade de material relacionado ca actual tempada). Nun ambiente moi distendido comezamos a entrevista. Aínda que traiamos un bo número de preguntas preparadas, estas foron xurdindo espontaneamente a medida que conversabamos.

lis e plantilla

Lisardo e o equipo deste ano. Foto de C.B.Breogán

En canto a tempada que ven de rematar, cómo ves a túa primeira experiencia como primeiro adestrador en Ouro?

Ben, a nivel persoal, de aprendizaxe considéroa moi boa, penso que cando collín o equipo o máis importante (loxicamente a parte de gañar partidos), era competir ao máximo nivel e chegar o máis lonxe posible, conseguir un bo grupo sólido e que fora polas liñas que eu quería marcar. Neste senso si que estou contento. Ao non ser un equipo de grandes defensores tiñamos problemas, e optamos por ser duros, meter unha marcha máis na defensa e meter maior riqueza tacticamente: defensas alternativas, match up, zonas … Estou contento ca resposta do equipo porque traballou a reo todos os días, incluso a súa predisposición para traballar foi moi boa: os xogadores tiñan claro que crían no que estabamos facendo,ou polo menos a grande maioría.

No aspecto deportivo non estou tan contento. Conseguimos a vantaxe de campo nos playoff, que era un pequeno obxectivo. Queriamos chegar o máis arriba posible e despois a miña idea era pasar a primeira rolda (aínda que a eliminatoria era igualada).

E sentinme cómodo, non me vin superado pola situación, ou polos nervios, sorprendinme a min mesmo, atopeime moi tranquilo. Xa me pasaba como xogador, no partido xa me meto e esquézome do resto. Non tiven nervios nin no partido que debutei contra Cáceres aquí. Loxicamente nos partidos logo hai momentos quentes (arbitraxe, enfados de xogadores) e ao mellor te metes moito no tema, pero coido que todos temos que pasar por un período de aprendizaxe.

Estou desexando que chegue xa o ano que ven, para ir traballando e ir metendo ideas novas na pretempada.

Aparte, podemos falar de que comeza o ano cero do proxecto, onde farías o equipo un pouco ao teu gusto (segundo dixo Julio), adaptado ás túas pretensións:

Si, hai que ver como queda a estrutura do club, pero agardo que poida facer un pouco o equipo que eu queira. Pero a decisión non pode estar nunha soa persoa, pódeste equivocar, ninguén ten a verdade absoluta e está ben debater e que me dean outras ideas ou perspectivas. Ao rematar a tempada pedín aos meus axudantes que me fixeran unha lista de cousas que fixemos mal, de nada serve mirarnos e dicir que fixemos todo ben. Hai que ser autocríticos, e está claro que hai cousas mal feitas, se non estariamos máis arriba. Por iso ten que haber varias opinións, tamén neste sentido.

Cómo se sinte desde a pel do adestrador cando o Pazo empuxa, nun partido como o quinto contra Cáceres? Sentes ese ánimo do público, ou a concentración no que está pasando sobre a pista íllate do que pasa na grada?

Xa como xogador eu abstraíame bastante do público, pero en determinadas situacións, en partidos normais. Poden estar insultándote, pero por exemplo en Cáceres tiven a alguén insultándome todo o partido, e eu non me decatei de nada. Pero ambientes como o vivido aquí no último partido.. si. Tanto a favor como en contra. O ambiente máis “hostil” que atopamos foi o de Burgos. E gusta, tanto a favor como en contra.

E a nós parece que nos gustou.

Si, xogadores como Ogirri que se crecen neses ambientes (risas). Por suposto, nótase. Prefíroo por o apoio aos xogadores, para os que é fundamental, levándoos en volandas, cando estás canso ou a situación é complicada, dache un puntiño máis para poder apertar mais en defensa, ser máis agresivo. Na casa fomos mais agresivos que fora precisamente por este puntiño que che da o público. E xa no quinto partido o ambiente foi espectacular. Oxalá o poidamos ver máis veces. Pero para o bo e o malo.

O xogador tamén se pode ver afectado por o típico run run cando fallas, pero tendo en conta que somos profesionais e cobramos por isto temos que abstraernos de todo isto e centrarnos no positivo. Sobre todo hai certos xogadores que non son tan fortes de cabeza como outros. Algúns son como robots, aínda que asubíen ou non animen; e hai outros que se crecen co ambiente. De feito viuse que emocionalmente somos moi irregulares, con xogadores que dependían da súa mentalidade ou ansiedade. Leonavicius, Sean e algún máis dependían do ambiente para meterse no xogo. Por iso o ambiente é moi importante.

Onde cres que se perdeu a eliminatoria con Cáceres?

Despois de darlle moitas voltas, hai xente que pensa que no primeiro, no cuarto, no quinto… Foi un pouco todo. O primeiro partido foi un pau moi gordo para min, non so por perder, senón porque perdemos a nosa seña de identidade.

Certo, non se recoñeceu ao equipo a nivel defensivo

A nivel de dureza, si. O meu sentido de equipo é de ser duros e sólidos e no primeiro partido fomos todo menos iso. Pero non se pode pensar que aí estivo a clave, xa que o equipo respondeu: gañamos o segundo con solvencia, e o terceiro máis solventemente aínda, e no cuarto estivemos trece puntos arriba, co cal … o primeiro partido non foi a clave. Podes pensar no cuarto, onde na segunda parte o equipo non estivo ao seu nivel, perdemos unha oportunidade moi boa. E logo vas ao quinto partido, unha moeda ao aire co teu base con febre que xa non ven pola mañá nin a sesión de vídeo nin de tiro, a lesión de Leonavicius, os narices de Roeland e Manu… xúntanse moitas cousas, e aínda así tivemos opcións de gañar, porque houbo dúas perdas de balón na nosa canastra seguidas, a canastra de Michel Diouf debaixo do aro que non mete … Incluso eles xogan conscientemente a deixarnos tirar a determinados xogadores e non están acertados. En cambio nós, tamén conscientemente, xogamos a que os seus xogadores menos acertados na liña de tres sexan os que queden libres nas últimas posesións e están acertados. É complicado dicir onde está a clave, pero eu penso que no cuarto, onde tiñamos o partido encarrilado e o partido da unha volta tremenda na segunda parte, xa non so a nivel de dureza deles, se non nós mesmos que nos deixamos amilanar un pouco polo seu xogo. En definitiva, para min foi na segunda parte do cuarto partido.

Sen dúbida imaxino que trala túa renovación te ves apoiado polo club. Coido que tamén por toda a afección lucense. Séntelo así, a pesar de algunhas críticas que se len por aí?

Si, e mais que polos xestos de agarimo da afección cando me renovan, para min a mellor resposta foi despois de perder o primeiro partido con Cáceres. Podíase esperar unha resposta na presentación para co equipo ou cara min de desaprobación ou non opinar, pero a afección respondeu e animou aos xogadores e na miña presentación a xente aplaudiu e incluso algún púxose en pé. Para min esa é a principal referencia. O que diga certa xente, hai que valoralo, xa que cada un ten a súa opinión. Eu fun afeccionado e as veces estaba contento, outras non ca labor do adestrador. Cada un está no seu dereito.

lisardo

Lisardo no Pazo

Se me sinto apoiado? Si. De feito o outro día, nun bar debaixo da miña casa, chega unha afeccionada que me abraza e dime “ o ano que ven a ACB”. Son mostras de cariño que me gustan.

Logo non me gustan outras críticas que van dirixidas por intereses. As críticas construtivas si. En canto ao xogo, por exemplo, podo entendelas, pero outros adestradores que coñezo coméntanme que hai críticas interesadas, e estas non as teño tan en conta.

Tamén hai xente a que non lle gustará o baloncesto que facemos, a todo o mundo lle gusta o baloncesto de Pablo Laso, por exemplo. Pero o campión de Europa é o Olympiacos.

Todo é respetable, construtivamente todas as críticas son boas. Como che dixen antes, o primeiro paso tras finalizar a tempada, foi ver os nosos propios erros. Eu creo que nos equivocamos en cousas, o máis importante é ser autocríticos, e penso que esa é a liña a seguir.

Pero si, síntome querido e apoiado. Pero isto é un club e o Breogán está por riba de todo, neste caso do adestrador.

Aproveito para enlazar a seguinte pregunta, e é que hai unha corrente de pensamento que di que entre a xente lucense dedicada ao básquet non hai colaboración. Percibes esta desunión?

Pode ser, non o sei. Volvemos ao de antes, hai que diferenciar criticas construtivas e interesadas. Xa o dicía Javier, o Breogán é un sitio apetecible. Aínda así intento velas como algo positivo.

Por exemplo eu teño moi boa relación con Manel Sánchez, e el sempre é sincero comigo. Véxolle sempre unha crítica construtiva, polo menos a nivel persoal. Téñolle moito respeto, xoguei con el, adestroume, fun axudante seu… Escoito todo o que diga, aínda que logo cada un ten as súas ideas.

Iso si, máximo respeto a toda a xente do baloncesto que leva moitos máis anos ca min e as súas opinións. Despois quedo cas que creo máis acertadas, pero sempre que sexan dentro dunha educación, que non sexan destrutivas, son boas. Prefíroas antes ca palmadiña, que non é bo quedarse con iso. Por iso insisto que aos meus axudantes pídolles os erros. E con Javier valorarei os nosos erros, non todo son erros dos árbitros, ou incluso dos xogadores. Neste momento estou vendo partidos a ver onde nos equivocamos. Doulle moitas voltas ao que fixemos, por exemplo o quinto partido contra Cáceres analiceino moito.

(móstrame algúns vídeos)

Aproveito para enlazar con outra cuestión, cantas horas vés dedicándolle ao teu traballo?

Depende da semana, se é longa ou curta. Normalmente adoito chegar o luns ás 8.00, marcho a iso das 14.00 (unhas seis horas), e logo pola tarde de 16.30 a 20.30 ou 21.00.

A maiores, levarás traballo á casa, imaxino.

Na casa, depende do día. Hai veces que me quedo vendo un partido, ou os días antes e despois do partido custa máis durmir e sempre ves algúns partidos ata tarde. A verdade é que lle dedico moitas horas, incluso xente do club ás veces me di que é tan importante descansar como traballar. Por a miña teoría de scouting, ademais, sempre o quero facer moi completo, e cada vez quero meter algo máis, e sempre lle dedicas moito tempo. Eu creo moito no scouting do rival. E no scouting propio, claro. Posiblemente unha media de 10-11 horas diarias. Incluso nas viaxes, por exemplo a Cáceres que son unhas 6 horiñas que pasas vendo vídeos.

Imos falar un pouco do pasado recente do equipo. A defensa do pick and roll deu moito que falar na época de Pepe, cres que diche ca tecla que solucionou estes problemas?

(Lisardo sorrí)

Coido que hai que respectar o traballo dos demais. Pero si é certo que tivemos moitos problemas, por exemplo o ano pasado con Menorca. Sempre, non só co anterior adestrador. Lembro agora do famoso pick and roll de Eric Sánchez con Guillén en Los Barrios, que foi un pesadelo.

Pero non creo que deramos con ningunha chave exacta. O que si fixemos foi ter moitas opcións nesa defensa do pick and roll. Reuniámonos todos os luns para ver como íamos defender, aínda que eu adoitaba traer xa unha idea de cómo defender antes, pero quería ver se me facían cambiar de opinión. Cando collemos o equipo pensamos primeiro como queríamos que defendera. E había dúas opcións.

Unha ser conservadores, porque persoalmente penso que non era un equipo bo defensivamente. Había xogadores que non son grandes defensores, era obvio, e outros que a pesar de ter moita intensidade ou capacidade física, tacticamente non son bos defensores.

Nesto algún compañeiro de grada, opinaba exactamente o mesmo.

Si, de feito metemos a match up e houbo que cambiala porque había varios xogadores que tacticamente non a comprendían e houbo que variala para adaptala a eles.

Tivemos opinións dende dentro de ser máis conservadores, e de feito houbo equipos que ascenderon facendo moita zona 2-3 conservadora deixando tirar. Pero a min gústame a intensidade e a dureza defensiva, e optamos por ser máis agresivos.

No pick and roll, para min o importante é o traballo previo ao pick and roll: que o bloqueo non sexa cómodo, que o pívot non vaia cómodo a facer o bloqueo, non pensar só cando se fai o bloqueo. E logo que o pick and roll non o defenden dous xogadores, deféndeno cinco. É tan importante a actividade ao balón, a actividade do pívot empuxando para que o bloqueo non sexa bo, a actividade do pívot saltando para que o xogador con balón teña que recuperar, a actividade dos demais xogadores tapando liñas de pase e fintando de maneira que cree dúbidas ao xogador que ten o balón.

Sempre que falo do pick and roll lembro un clínic que escoitei de Messina sobre a defensa do pick and roll. Estivo tres horas e dixo que podería estar outras vinte, e é que parece algo sinxelo, pero é máis complexo.

Pero tivemos a mellora por ter máis opcións: usamos moito a opción de negar o bloqueo, a vantaxe de Michel Diouf que nese bloqueo podía cambiar e aguantar perfectamente a un pequeno. E aí melloramos algo, pero non todo, lembro que Cáceres no último partido dos 3 triples xerados polo pick and roll, non culpa do defensor do que mete a tripla, senón que non estivemos o agresivos que estabamos anteriormente, por cansazo ou o que sexa.

Quédanos moito por mellorar, pero a chave para que unha defensa sexa boa é o pick and roll, no baloncesto moderno o 80-85% basease no pick and roll. E aí tiñamos tamén algún problema en ataque, con poucos xogadores que o xogaran ben.

Como quedou a túa relación con Pepe tras a súa saída do club?

Falamos un par de veces, e pouco máis. É unha persoa, non fría nin distante, pero gustáballe moito traballar… quizais eu teño unha relación de máis contacto humano cos meus axudantes, ex xogadores… pero iso depende de cada un. A miña relación con el é boa, el aposta por min despois do primeiro ano para renovar, aínda que realmente non temos moito contacto.

Esto foi un punto na melloría da defensa do pick and roll que me comentabas antes, e dígollo moito aos xogadores: aquí non estamos para facer amigos. Isto é un equipo profesional, non pido que cando acaben o adestramento se vaian de cea ou tomar algo, eu pídolles que os adestramentos sexan duros, intensos e profesionais. Se despois se queren ir a tomar algo cos compañeiros… mellor! Isto era un problema, os adestramentos non eran realmente duros, e melloramos moitísimo neste apartado. Incluso tivemos problemas co nariz de Roeland, codazos, feridas abertas…

De feito tivemos tres xogadores co nariz roto.

Si, e dous en adestramentos, salvo o de Manu que llo rompe Ashaolu. É mala sorte, pero esa é a liña que temos que seguir. Incluso houbo que parar o adestramento dúas ou tres veces porque había piques. Pero era o que lle dicía ao equipo: “eu non recordo, que en media tempada que non houbera nin un só roce. Non é normal”. Eu cando xogaba tiña roces todos os días, a xente que xogou comigo pode corroboralo, eu xogaba moi duro. Aí mellorarmos moito nos adestramentos.

Pero estou convencido de que cando vaia a Murcia, quedarei con Pepe. Teño boa relación con todos os adestradores que foron axudantes e xefes meus, aínda que teño unha relación especial con Paco García, mantemos o contacto e cando ven a Lugo chámame. Tamén manteño moito contacto con Betinho.

Falabamos antes dos teus axudantes, con que axudantes contas para o ano que ven? Mantense o corpo técnico?

A idea é que Quique Fraga continúe, aínda que con todo isto da saída de Julio hai que ver como queda a cousa, se entra xente nova… O ano pasado polo momento no que se produciu a destitución de Pepe o máis lóxico é que fora el o adestrador meu axudante, por que me coñece, sabe como traballo, como quero que xogue o equipo, porque xa fora axudante nunha etapa anterior, e porque dunha semana pa outra o máis fácil era contar con el. E por suposto, porque considero que a nivel de baloncesto está bastante cualificado, pero xa lle comentei que tiña media tempada para demostrar que era axudante o ano que ven se seguiamos. E eu rematei contento co seu traballo, e aínda que é difícil botar máis horas ca min no Pazo, el botou polo menos as mesmas ca min e traballou a reo. Coido que merece e gañouse a renovación e oxalá se faga canto antes. E cando renovei así o manifestei, quero que continúe.

O caso de Fernán é diferente. É adestrador do Estudiantes, é como unha especie de becado e depende máis de Estudiantes e o club, non de min. E estou tamén contento ca súa labor.

Lisardo, Quique e Fernán. Foto de Pat M.A.S.

Por qué metas cres que pelexará o Breogán do ano que ven?

É difícil dicilo agora. Non sabemos o diñeiro que imos ter, o hándicap de ser unha SAD, que equipos vai haber, se a liga será de 14 ou 18, co cal pode haber máis ou menos xogadores libres, etc…

A miña idea é gañar todos os partidos. Os obxectivos tamén van por intereses, como as críticas. Lembra o caso de Valladolid con Fisac: “obxectivo, ser 7º ou 8º”. Sempre foron moi conservadores e logo ascenderon. Moita xente marcará un obxectivo baixo para se queda por riba que sexa un éxito. En cambio dende fora, a xente dirá “teñen un equipazo, hai que quedar primeiros”

Aquí tendemos máis ben a ser esixentes.

Pero é normal. Falamos do Breogán, se non está arriba… Estamos acostumados a estar arriba. O meu obxectivo primeiro é tentar confeccionar o equipo máis sólido e competitivo posible, e a partires de aí ambición toda. Non queremos que quede ninguén decepcionado a final de temporada.

Logo hai que ver. Manresa se baixa, con patrocinio e por tanto diñeiro e moitos xogadores con contrato (Arteaga, Ramsdell, Arco..) máis o que se poida reforzar…

A ver que pasa con Alicante ou Andorra, Burgos parece que vai ascender ao final. Andorra din que non ten cartos, pero eu non o acabo de ver así. Fixeron unha tempada incrible, teñen un equipo moi ben construído.

Sen embargo, lembro que Pepe por exemplo opinaba que era un equipo que ía baixar postos, recordo que Andorra comezou moi forte e con marcadores axustados. Pode que esa dinámica lle axudara a permanecer aí arriba?

As dinámicas son importantísimas. O exemplo máis claro foi Coruña, empezou fortísimo, baixou, recuperou… Sobre todo son importantes se non tes un equipo sólido de verdade, por exemplo en Alicante, Palencia, Burgos non pesan tanto. En canto a Andorra, eu tampouco crin que foran quedar tan arriba. Pero teñen un dos mellores xogadores da liga, a Schereiner e Maresch, que sabiamos que eran xogadores que o podían facer moi ben pese a ser pouco coñecidos. Flis xogou Euroliga, aínda que teña problemas de cabeza, pero se das ca tecla? E o adestrador acadouno e o xogador foi para arriba. E moito mérito dos seus pívots, Hampl e Wright non estaban chamados a dominar, e estano facendo, outro éxito do adestrador. Eu poñeríaos no 4º-5º posto, pero non pensei que acabarían aí.

Con cantos xogadores desta tempada che gustaría contar para o ano, ou cantos cres que se poderían axustar a túa idea de proxecto e perfil de xogo? Contas con algún xogador seguro de entre os que tiveches este ano as túas ordes?

Vou contar cos tres primeiros da vosa enquisa (risas)

Imos ver. Pódese ver que hai xogadores cos que queremos contar e outros cos que non podemos contar principalmente por rendemento. Tiveron oportunidades, e non lles podo recriminar nada a ninguén. Pero sempre poño o exemplo de Álex Navajas, que é un dos que máis críticas levou, e sempre o digo porque o seu traballo diario no Pazo foi impecable, sempre esforzándose e traballando. Nos adestramentos saíanlle as cousas e nos partidos non, o que foi algo frustrante para el e para min. Pero o traballo dos xogadores, dende que eu collín o equipo, foi sempre de dez.

Hai xogadores que están moi contentos e que o seu rendemento foi máis que  aceptable. O de Roeland por exemplo foi claramente ascendente

E coido que valorado agora tamén pola xente, que durante a temporada ás veces a xente queixábase se non ía a morte polo rebote, se fallaba canastras preto do aro… Quizáis porque foi o seu mellor momento da temporada o máis recente.

Mellorou moito, en primeiro lugar ofensivamente, porque ten calidade de sobra, ao mellor lle falta dureza, pero pode abrir o campo, pode xogar dentro, ten unha visión de xogo privilexiada, é o mellor pasador do equipo con diferenza… e mellorou na dureza. Esixinlle e pedinlle máis dureza, poñiao nos emparellamentos máis duros nos adestramentos, para que traballara nesto. Sen ser duro, mellorou, incluso nalgúns encontros se enfadaba e subíu o seu rendemento.

Leo tamén rematou moi ben a nivel de xogo e moi involucrado, e outros que remataron moi ben, por exemplo Anthony, pero polo tema económico será máis complicado.

Nese senso parece que a xente é consciente de que hai xogadores complicados de reter por o aspecto económico, e ven a Winchester e Diouf lonxe.

Si, moi complicado económicamente, pero nunca se sabe. Pero basándome na vosa enquisa, Leo e Roeland son xogadores interesantes e que están contentos.

Logo hai outros como Carlos e Manu que teñen o hándicap do seus problemas físicos. Pero estou seguro de que será difícil que Manu  teña outro ano así, con estes problemas. Realmente non se fixeron públicas moitas das súas doenzas, pero gústame ter esta oportunidade para dicir que hai que quitarse o sombreiro con el. Fixo adestramentos con moita dor, e exemplos como o do final, co nariz roto que queira xogar, e incluso adestrar (parou só dous días), sen protección que non a quixo porque sabía que ían ir por el e estaba incómodo con ela e quería render ao máximo. Co cal para min ten o máximo respeto.

Hai que valorar o aspecto económico xa non solo cos que teñen contrato como Manu e Bortolussi, se non cos que pensamos que poden ser interesantes como Roeland.

Especial o caso de Manu, o ano que viviu foi moi duro a nivel de lesións que non che deixa coller o ritmo de xogo. Estou convencido de que se o ano que ven o respectan as lesións vai ser o xogador que era antes. Falase do xeonllo, do nariz, tivo a contractura no pescozo, nas costas, e co frío que facía no Pazo. Ata a súa personalidade foi prexudicial no sentido de que sempre quixo seguir, aínda que ao mellor fora nalgún momento parar. De dez.

Quén máis me gustaría que seguira? Hai que facer unha estrutura de equipo, pero penso que todo o que teñamos avanzado do ano pasado con xogadores é importante, aínda que imos cambiar cousas. A idea de xogo, sobre todo a nivel defensivo vai ser moi parecida por non dicir case case igual. Se temos terreo avanzado, mellor

Contas con Borto? De 3 ou 4?

É un xogador con contrato, polo tanto forma parte do equipo, pero lóxicamente haberá que esperar como vai quedar estructurado tanto o clube como o equipo para tomar unha decisión. Si xogará de 3 ou de 4 dependerá un pouco da estrúctura final da plantilla.

Liamos recentemente que che parecía prioritario reforzar o posto de base e o de 3 alto, péchalle isto portas a Carlos e Leo?

Ben, o tema do 3 para min nesta liga é importante, sufrimos moito este ano porque non tiñamos un 3 alto, e case todos os equipos da liga tiñan un. É un posto que me gusta, e cando falo dun 3 alto refírome a un estilo Joe Krabbenhoft: xogador duro, solvente, pode defender, podes cambiar nas defensas, ser ofensivo no poste baixo, sen ser un gran tirador pode tirar de tres…

No posto de base, dicíache antes que unha das claves do baloncesto moderno é o pick and roll. O ter un base que xere dende o pick and roll tamén é clave: que teña ameaza de tiro, que penetre, de asistir, en finais de posesión que saiba que ten que coller o balón e con quen ten que xogar. Isto non quita que poidamos seguir contando con Carlos e Leo. Carlos porque non ten que ser segundo base, pero pode estar con outro. A parella ideal sería un Mikel Uriz, Dani Pérez ou Dani Rodríguez e Carlos, deste xeito telo todo. Compensas uns xogadores con outros, pero habería que valorar moito o tema económico claro.

Moita xente tamén pensamos que ao mellor esta opción a Erik e Adrián lles pode pechar portas, xa que dous bases de primeiro nivel asumirían moitos minutos.

Sen dúbida, pero iso, primará o tema económico.

Do tema do Leo, e seino porque vendo a vosa enquisa, por exemplo vin un tweet dun seguidor voso, Gintaras, que falaba de que buscando o 3 alto quizais non tería oco. Non estou de acordo, para min non é un 3.

Pero tampouco é o típico escolta tirador

Voltamos ao tema económico. Ao mellor podemos complementalo cun 3 alto e un 2 tirador, que xenere dende o pick and roll. Se manexamos ben o mercado podemos atopar de todo. Sobre todo no mercado USA hai dous postos que hai moito: escoltas estilo Feldeine, Ogirri… podes atopar moito, co risco de ser rookie que che pode sair mal, e os 4 móbiles, poñendo un exemplo como o de Jamar Samuels, o 4 ideal, xogador duro, xoga de cara, intenso, xoga por riba do aro. Deste tipo tamén hai moitos, pero tes que atopalo e ver o tema económico e que che saia ben.

Por tanto un 3 alto non condiciona a saída de Leonavicius. A nivel ofensivo non tanto porque non tiñamos a opción do tres alto, pero a nivel defensivo Leo non era o 3, era Winchester. O principal será, como sempre o tema económico.

Outro caso, Roeland. Que é, un 4 ou un 5? Nesta liga, para min non pode xogar de 4. Ofensivamente ten condicións, pero non defensivamente. Para nós o 5 defensivo era él, xa que non podía defender aos 4 móbiles, igual que Michel non pode defender aos 5, Michel para min é un 4, non pode xogar ao poste baixo por un tema de forza e de kilos. Non pode, non xenera. Había situacións de cambio con Nguema e non podía co base contrario. Para min ten que encarrilarse a xogar de 4, sacar un bote e un tiro e será un gran 4, pero mellorando nestas dúas facetas. Roeland pode ser un 4 para ACB, pero en Leb non o vexo así, por non poder defender xogadores do tipo Jorge García.

Buscas xogadores con experiencia en España, ou arriscarías con algún xogador sen experiencia?

Xogadores nacionais con experiencia, hai que pagalos. E conta co problema dos cupos. O mercado nacional está moi caro, falaba con Javier e dábame datos do que cobraba algún xogador e era inaccesible para nós. Pero se podemos xenial. Se podo ter un Taylor Coppenrath, é moito máis fácil todo. Pero cando temos problemas económicos como podemos ter nós o ano que ven, sobre todo polo tema da SAD, imos ter que arriscar nalgúns postos, indo ao mercado rookie, ou europeo buscando a sorpresa. A experiencia hai que pagalo.

Son do teu agrado Zengo e Feliú? Están ao noso alcance?

Son dous xogadores que me gustan moito, o primeiro paréceme moi interesante no aspecto ofensivo, xogador capaz de facer moitas cousas, penetrar, tiro tras bote, saídas en indirectos, etc… o aspecto defensivo pode ser o seu problema, pero xa demostrou na sua etapa en Huesca que pode rendir aceptablemente nese aspecto. E un xogador que coñezo moito por que enfrontámonos en moitas ocasións xa non so na leb ouro, si non tamén no circuito sub 20 e ademais teño unha relación persoal boa con él. No caso de Feliú, tamén estamos a falar dun xogador moi interesante e que encaixaría nese posto de tres alto que buscamos, forte, gran defensor que podería xogar minutos de catro e con tiro exterior, incluso de tres puntos. A segunda pregunta haberá que esperar a saber cales son as nosas posibilidades económicas, pero o que está claro e que éste tipo de xogadores, nacionais e de calidade teñen unhas pretensións altas, económicamente falando.

Nós temos un hándicap importante para chegar a estes xogadores, certamente.

Faime gracia, porque a xente compara moito presupostos, porque sei que houbo ofertas por xogadores que acabaron noutros equipos, e viñan os equipos xogar aquí e dicían “é que temos máis presuposto ca eles”. E contabas dous ou tres xogadores deles que non puidemos fichar. En todos os equipos hai dous ou tres que puidemos fichar.

Por exemplo o caso de Palencia, con Forcada e Otegui, non? E o ano pasado con McDermott.

Urko Otegui estaba case feito, chegou Palencia e foise. Almazán, Zengo, faloche de moitos xogadores por os que non puidemos competir.

Pero hai que resaltar as cousas ben feitas, Winchester é un acerto.

Moitos non crían ou dubidabamos del.

Eu fun dos primeiros en dicir que era moi arriscado, pero a secretaría técnica acertou plenamente. Igual que ca xestión de Diouf.

Sobre todo cando estabamos falando de Rejón no lugar de Diouf, o cal era moi diferente.

Sobre todo por como estaba construído o equipo. Diouf aportaba o que máis nos faltaba, intimidación, defensa… O equipo non era de grandes defensores, un por un, e Michel tapaba moitos buratos.

E en canto aos xogadores formados nas categorías inferiores lucenses, aparte dos que este ano tiveron presenza no primeiro equipo, cres que ten cabida algún dos rapaces que veñen de destacar este ano no Estudiantes? Brais, Reyes, Charles, Rafa, Martín…

Penso que unha liña ideal de estrutura sería 8-9 xogadores de nivel, e dous ou tres dos rapaces. Pero lóxicamente van notar o cambio, sobre todo a nivel físico.

Por exemplo Chapela, a nivel táctico é un privilexiado, e a nivel físico vai notar moito cambio. De feito contra Cáceres, equipo moi físico, cando o apertaba sufría moito.

Ese será o problema da maioría dos xogadores. Eu esíxolles o nivel físico dos adestramentos e sufrían moito. É un salto que teñen que ir dando pouco a pouco.

Pero dous, tres rapaces pódense ter. Máis é contraproducente, xa que se metes moitos vanse pechar portas entre eles, non podes apostar por todos, non van poder ter todos minutos. Neste tema hai que ser precavido. Un paso mal dado pode facer que entres nunha mala dinámica. Pasoulle a Erik, comezou a ter problemas no primeiro equipo, e derrubouse. E foi cun dos que máis contento rematei, por a súa actitude e capacidade de traballo, e terminou medrando, e se chega a durar máis a temporada estou seguro de que xogaría minutos de calidade. Pero ese paso de Erik que o ano pasado non adestrou con nós, pasoulle factura.

Charles por exemplo fisicamente é privilexiado, pero non o explota. Temos que aprenderlle a empregar ese físico que ten. Teñen que cambiar o chip, a EBA a día de hoxe ten un nivel máis baixo, e a unha intensidade media chegáballes. Charles chega arriba e non sacaba vantaxes físicas. E a nivel táctico vai ter moitos problemas, imos facer traballo extra polas mañás con el a nivel táctico.

Entón entendo que segue con nós

Penso que si. Haberá que falar con el e o seu axente. E un bo xogador que pode estar arriba. Pero todos non poden estar.

Brais por exemplo, haberá que ver o tema dos pais, xa que é moi novo, e valorar, pero penso que ten que comezar a adestrar con nós. Falábao con Paco García cando levaba a Mikel e Merino co primeiro equipo e me dicía: “vouche quitar aos rapaces”. Non mos quitaba, un adestramento co primeiro equipo era mellor que moitos co vinculado. O obxectivo é que os rapaces cheguen arriba, e para elo o mellor era adestrar co primeiro equipo. E ese é o camiño a seguir. Charles e Chapela poden ter cabida no primeiro equipo, terán a súa oportunidade, aínda que loxicamente terán que gañala con traballo diario, nos partidos, na pista.

Este ano tivemos xogadores no banco que non deron o rendemento esperado. A canteira podes tela que intente mellorar ese rendemento mentres traballamos para o noso futuro.

Pregunta complicada. Se estiveras sen equipo e tiveras oferta para adestrar ao Obradoiro en ACB, cal sería a túa decisión? Teste que mollar!

Sendo realista, isto é un traballo, é baloncesto profesional. Tendo unha oferta de outro equipo, iría. Por certo, a rivalidade Obradoiro – Breogán penso que é boa.

Si, eu penso que enganchou a afección.

A nosa e a deles. O ambiente no Sar ou aquí era espectacular. Que sería dos derbis entre Atlético e Madrid sen esa rivalidade? Sería un encontro máis. A rivalidade é boa, dentro do respeto.

Facíanme a pregunta de se me gustaría que Obradoiro descendera. Respondín que eu quero que o Breogán xogue contra Obradoiro, cada un que o entenda como queira. Sendo realistas, eu son breoganista, estiven moitos anos na bancada, despraceime a moitos encontros fora… era un afeccionado, case un forofo, pero se teño unha oferta doutro equipo diría que si.

 Unha selección de breves preguntas variadas para rematar:

Observando o quecemento. Foto de Pat M.A.S.

Ollando o quecemento. Foto de Pat M.A.S.

Un adestrador que che guste especialmente?

Sempre te fixas algo en todos. Todo o mundo compara a Pablo Laso e Xavi Pascual. Quédome con cousas de todos, máis ben do xogo do equipo. Gústame moito como xoga Olympiacos (non por ser campión de Europa), gústame como defende, o espírito que ten, o ataque con moito pick and roll. Para non xogar así tes que ter un equipo como o Madrid, con Carroll, Rudy, podes xogar doutra maneira…

O máis grande para min: Obradovic. E teño un que me gusta especialmente: Rick Pitino. Xa dende época de Kentucky.

Algún xogador polo que sintas debilidade?

A nivel “top” Diamantidis, dentro do amplo abanico. É do mellor do mellor. A nivel da nosa liga, que tivemos aquí, a filosofía, o traballo de Joe Krabbenhoft encántame.. Igual non o explotamos de todo, pero era un xogador espléndido. Tiñamos que ter xogado máis para el, a lesión tamén o lastrou… Betinho incluso, se lle asemella algo.

Na historia do Breogán pódeste quedar con Perasovic, Charlie Bell, moitos… Pero a min marcoume moito Anthony Bonner, penso que foi un dos xogadores máis desequilibrantes que tivemos aquí.

Segues algún outro deporte, ou o baloncesto monopoliza o teu tempo para o deporte? Sei que che gusta moito a NCAA

Dedícolle tempo a NCAA. Gústame moito o sistema de competición. O March Madness paréceme espectacular. Cambiaría algunha cousiña, pero encántame. Vexo tamén ACB, Euroliga, teño visto 2ª división de liga húngara… Iso si, teño bastante de lado a NBA.

A nivel de outros deportes gústanme case todos. Gustábame moito o fútbol, pero este ano por exemplo non vin ningún partido, chegamos a un nivel de saturación futboleira que me desbordou. O tema de Mourinho e Guardiola cansoume…

Tenis gústame, pero bótano tanto que tamén lle collo algo de manía. Pero gústame xogar ao tenis. Gústame o ciclismo, o Tour, agora estou vendo o Giro.

É certo que o baloncesto me quita moito tempo e cada vez vexo menos cousas. O que si é curioso é que tento practicar moitos deportes, menos o baloncesto. Non xogo nada ao baloncesto. Terminei mal fisicamente e teño que vendar os nocellos cada vez que xogo.

Con isto, dimos por rematada unha longa entrevista que se estendeu moito tempo e a vez se fixo curta. De camiño á saída atopámonos cun Roeland ao que puidemos saudar, e quen confesa estar contento aquí e lle gustaría quedar pero a condición de arranxar a calefacción no Pazo.

Non podemos deixar de agradecer a toda a xente do club que fixo que isto fora posible.

Posted on 24 Maio 2013, in Entrevistas, Xeral. Bookmark the permalink. 6 Comentarios.

  1. Moi boa entrevista. Nótase que Lisardo sabe moito de baloncesto e que sabe transmitilo, xa nas roldas de prensa me ten dado esa sensación.

  2. Xenial entrevista, dinse moitas cousas con claridade; ademáis, moi orgulloso de ter a alguén cómo Lisardo no banco do Breo.

  3. Enorme entrevista. Pésanos moito ser SAD pero confío en que Lisardo e axudantes acerten nas apostas arriscadas e ter un equipo completo e sólido.

  4. Gran entrevista!! Moi bo traballo o deste blog! :D

  5. Me ha gustado mucho esta entrevista. Se nota que Lisardo es un tipo humilde y trabajador. Llegará lejos con el Breo. Otra vez enhorabuena chicos

  6. Grande Lisardo! Coa entrevísta demóstrase que como dí o título, que é un dos nosos! Desexarlle todo o mellor, que en consecuencia será o mellor para o Breo!

    Enorme o traballo de novo Vinicius!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 1.158 segidores